sábado, 29 de marzo de 2014

Crea Formas na prensa


Publicado hoxe na Voz de Galicia. 




O panorama artístico carballés atravesa por un momento de grande efervescencia no que o labor dos creadores cobrou unha visibilidade inusual. Proba diso é a realización de varias exposicións colectivas ou a participación de moitos destes artistas no proxecto para recuperar coas súas obras diversos espazos degradados da zona urbana de Carballo.
Esta actividade permitiu aos seus integrantes retomar a idea de articularse formalmente como colectivo e poñer en marcha unha entidade cultural propia. Crea Formas é o nome co que acaba de botar a andar esta asociación, nacida en Carballo, pero do que xa forman parte artistas doutros puntos de Bergantiños, e que está aberto ás manifestacións artísticas máis diversas: «Hai dende fotógrafos a ceramistas, pintores, escultores, ilustradores... e está aberta a todos aqueles que queiran formar parte», explica o seu primeiro presidente, Mon Lendoiro.
Os obxectivos
A súa intención é que a asociación sirva para articular propostas conxuntas que xa se veñen realizando, como a exposición que se realiza no marco do programa de actos do San Xoán, impulsar outras novas e servir de foro de intercambio de ideas, ademais de vehículo para acceder a subvencións ou outras campañas das Administracións públicas. «A época é mala, pero estámonos movendo moito», apunta Lendoiro, que espera que Crea Formas sirva tamén para dar a coñecer os mozos creadores locais que aínda non deron o salto á exposición pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario